O MONTE DE BRIÓN
O Monte de Brión é un verdadeiro descoñecido malia ser un fito xeográfico visible dende a “Cidade onde Remata o Mar”. Sen el non tería Ferrol as condicións físicas necesaria para ter unha ría tan pechada e construír un gran arsenal e estaleiros como os que engrandeceron á cidade departamental dende hai séculos. Sen o seu macizo non sería posible ter defendido unha praza forte ante os ataques por mar das escuadras francesas e inglesas, tradicionais adversarias españolas no Atlántico.
Recolle un rico patrimonio natural e cultural e permite abranguer extraordinarias paisaxes dende o Cabo Prior ata o Cabo San Adrián en Malpica incluíndo o Golfo Ártabro. Alí se atopa unha necrópole prehistórica con 39 mámoas que se datan de hai 4.000 anos.
Nel tivo lugar un dos acontecementos culturais do século XX máis fermosos e descoñecidos, “O Monte dos Poetas”, onde o Grupo Alpinista Abrente (1935-1936) honrou homenaxe a 8 poetas do século XIX (Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Francisco Añón, Valentín Lamas Carvajal, Manuel Leiras Pulpeiro, Benito Losada y Alberto Camino), ademais de Antón Villar Ponte, morto en abril de 1936. A idea era elevar oito fermosos miradores de pedra, inscribindo o seu nome, recitando poesías e tomando apuntes pictóricos. Poetas, pintores, escritores, pensadores e políticos pasaron por estas alturas para celebrar en varias ocasións un feito cultural sen parangón en toda España.
Parte destas alturas son monte comunal. A asociación de comuneiros, de Doniños e Brión, está repoboando con miles de árbores estas alturas, para que no futuro haxa un gran bosque, ao tempo que está introducindo gando semisalvaxe. Nas valgadas desta alta chaira ferrolán hai ademais uns pequenos humidais de gran importancia ecolóxica. Trátase dunhas pequenas turbeiras, que contan con especies plantas carnívoras, en concreto rorellas, acompañadas doutras especies protexidas. As turbas que as acollen, “tembladoiras” na fala local, son un rexistro paleoambiental e paleoclimático de grande valor nestes tempos nos que o cambio climático afoga a nosa sociedade.
Texto: Juan López Bedoya