A Marcha conmemora este acontecemento facendo unha ruta turística mixta, en embarcación, dende o peirao de Curuxeiras ás 10:00 horas ata o Castelo de San Felipe; e sendeirista, percorrendo gran parte da marxe norte da Ría de Ferrol. Trátase da XXXII edición, sendo a primeira a de 1989, e só foi interrompida polo COVID. Este ano constitúe o 223 aniversario da Batalla, ocorrida os días 25 e 26 de agosto de 1800.
Logo do paseo en barco, comeza a ruta a pé, que parte da gran fortaleza beireando a ría de Ferrol. Pasará a carón dalgúns dos castelos e baterías que formaron parte do Plan de Fortificación Integral da Base de Ferrol do século XVIII: o Castelo de San Felipe, que xa rexeitara á escuadra inglesa en 1596; o Castelo de San Carlos (1731-1739) e os pequenos fortes e baterías de San Cristóbo, Cariño e Viñas (1739-1762). Pasarase tamén moi cerca do Porto Exterior de Ferrol.
Chegados a Cariño (km 4,3) (Avituallamento por parte da organización, patrocinado por Gadis), emprenderase o ascenso a Monteventoso (km 6,6) (novo avituallamento), vixía que avistou por primeira vez a escadra británica na mañá do 25 de agosto de 1800, dando aviso á capitanía ferrolana. Dende alí poderá verse o norte da costa ártabra, o areal e lagoa de Doniños, as illas Gabeiras e o Cabo Prior, nunha aliñación montañosa que contou nos anos 30 do século XX coas baterías de costa máis potentes do Mundo, un tramo de costa que José López Hermida nomeou como “A Costa Inexpugnable”.
Dende Monteventoso descenderase ao Confurco, para logo subir ao Monte de Brión. No ascenso iranse vendo distintas perspectivas do Golfo Ártabro, A Coruña, a costa de Bergantiños e ata as Illas Sisargas. Nos altos de Brión (km 10,3) terá lugar entón unha pequena escenificación do enfrontamento que tiveron os veciños coas tropas do Reino Unido, cunha pequena disputa verbal e o chamado “Roubo da bandeira” (inglesa), coa que os ingleses terán que darse por derrotados.
Nas inmediacións do lugar de enfrontamento, no que agora se denomina O Campo da Batalla, ao son das gaitas dos dous bandos terá lugar a romaría, a comida campestre, na que cada quen terá que levar as súas viandas e bebidas.
Logo, novamente, as gaitas entoarán mentres os máis pequenos poden gozar de xogos infantís como as carreiras de sacos, o tiro da corda e a carreira de “carretillos”, na que, por parellas, un neno agarra unha roda con guías mentres outro, collendo polos pés, serve de motor de empuxe.
A volta a Ferrol dende O Campo da Batalla, que non ten perda seguindo os indicadores, faise por conta propia e no momento en que cada un decida. Pasa polas aldeas de Liñares (km 11,7) (parada de bus, única frecuencia en domingo, 14:30 aproximadamente; está a uns 15 minutos do Campo da Batalla), Brión (km 12,9), A Graña (km 13,8) (parada de bus, frecuencia cada dúas horas ata as 19:00, e 20:45 e 22:10), A Cabana e a enseada da Malata, para entrar de novo na Cidade polo paseo marítimo ata o porto (facéndoo todo a pé serían 18 km). A ruta é fermosa, espectacular, pero ten certa dificultade pola subida aos montes, así que recomendamos calzado cómodo e ansias de camiñar. O desnivel positivo acumulado é duns 400 metros ata o alto dos montes de Brión. O resto do camiño de volta é case sempre costa abaixo ou chan.
Existe a opción de ires co bando local. Este parte do Local Social da Asociación de Veciños Castelao de Brión ás 12:00 do mediodía. A ruta a pé ascende en 3 quilómetros dende a aldea de Brión ata o lugar do enfrontamento.
Fotografías: Manuel Alvariño // Texto: Juan López Bedoya
REPORTAXE DA TVG DA BATALLA DE BRIÓN 2024